venres, 6 de novembro de 2009
Isto é un luxo. Xa somos europeos. Onde quedou o de citarte tal día a tal hora para facerche unhas preguntiñas. Aquilo era un trastorno. Tiñas que pedir o día no traballo, dar co sitio en cuestión, buscar onde aparcar... Iso acabouse. Agora vas como un señor. Vante buscar ao choio, lévante en coche oficial con escolta e déixante mesmo na porta. Ata te acompañan polos corredores e de premio marchas cunha reportaxe fotográfica gratis. Un luxo, non me digan. A única incomodidade debe ser o da espera, que xa se sabe que o que espera... Se despois tes culpa ou non xa é outra cousa, pero o paseillo coido que non o cobran.
A este que escribe só lle estraña un pequeno detalle. Unha Lei, unha desas que temos, como tantas, e que chaman Lei de Enxuizamento. Ao parecer, esta Lei di nun dos seus artigos, coido que no 520: "La detención y la prisión provisional deberán practicarse en la forma que menos perjudique al detenido o preso en su persona, reputación y patrimonio." O que non di é a quen se lle aplica. Suponse que a todos; non?
E das escoitas? Que me din das escoitas? Que aquí parece que ten picado o teléfono ata a nena de Rajoy. E neste país onde trunfan os "Reality" e o “cotilleo” é deporte nacional, o de poder escoitar ao veciño falando polo móbil é un luxo. Mesmo algún xa pregunta se hai oposicións para iso. Unha magoa que isto remate co do vaso na parede e o de axeonllarse e pegar a orella ao chan.
Se Arthur Blair levantase a cabeza! Cada vez que descolguen o teléfono e antes de empezar a falar non se lles esqueza saudar á afección, que o patio anda revolto e non se sabe.