sábado, 28 de novembro de 2009
A imaxe é demoledora: máis de 100 traballadores cargando as cruces dun despido que os deixará na rúa. Pais de familia, lucenses ao fin, mudan as súas casas por un campamento improvisado e aí, nunha cuneta da N-VI, déixaos tirados a Xunta co seu silencio. A Consellería de Medio Rural non fai máis que de recadeira e afórralle as declaracións ao empresario. Iso é gobernar?
A quen non vimos no campamento foi a Raquel Arias -habería foto. Logo é certo: representa á Xunta en Lugo e non aos intereses dos lucenses diante da Xunta. Esta era unha ocasión para ter demostrado o contrario.
O vento do outono corre inquieto polas rúas de Lugo. No seu pasar leva follas secas, axítanos a memoria e mesmo arrastra algún concelleiro. Barreiro, derrotado na súa campaña á fronte do PPdeG, buscou refuxio en Lugo e agora aproveita. Abre as fiestras do partido e solta lastre na súa fuxida cara diante, cara o absolutismo máis eremita. O aparato non admite sombras, nin bicefalias nin tons disonantes. Joaquín García Díaz deixa de ser concelleiro logo de que o seu propio partido, e suponse que a súa coherencia, non o deixase repetir como aspirante a alcalde. Remataban os anos 90, pero as loitas semellan análogas. Serán as mesmas feridas cainitas as que negan outra vez a Joaquín e prefiren restar a sumar? Non é un adeus á política -que borraría toda dúbida. Manterá a súa acta como deputado, pero lonxe de Lugo, en Madrid. Estas liñas non son para xulgar a súa tarefa política -xa o fixeron todos os lucenses no democrático xuízo das furnas- agora semella que nos toca gardalo nos poeirentos estantes da memoria.