sábado, 12 de decembro de 2009
O corpo de Aminetu Haidar apágase na sala dun aeroporto ante as impasibles luces do Nadal que cobren xa boa parte de España; tamén na nosa cidade. Todo sinala este momento como o das solucións e a unidade de acción pero algún voitre ventea carroña e xa afía as súas garras -o de sempre. O reino alauí non defrauda e na súa liña de respecto polos dereitos humanos exprésase e actúa como o fai fronte ao pobo saharauí, fronte á República Árabe Saharauí Democrática. Un país, o Reino de Marrocos, onde se xulga aos defensores dos dereitos humanos. Un país con cárceres onde se tortura e son normais as violacións, os abusos e ata as desaparicións de presos. E non o di este que escribe senón que o denuncian numerosas ONG’s internacionais e mesmo a ONU, que agora lle reclama a Marrocos que permita a Haidar volver a El Aaiún.
Todo isto porque agora parece que nesta película de bos e malos o PP se equivoca no casting, outra vez.
E mentres aquí, a case dous mil quilómetros dos campamentos de refuxiados da hammada Alxeriana de Tinduf empézase a falar de presupostos municipais. Dende o concello téndese a man ao diálogo con "propostas serias" para mellorar o documento -que seguro que as haberá- pero algún tremendista practicante, sen propoñer nada, xa se apunta ao batallón dos agoreros. E é nese lascivo pesimismo do todo vai mal onde máis lle gusta bailar ao anunciado candidato. Candidato agora, porque durante doce anos non serviu para ser o primeiro prato do menú; agora si. Sen dúbida, esta será unha boa ocasión para demostrar se hai capacidade de diálogo ou a intolerancia será o sinal de identidade.