"... el que quiera puede ya sonreír, el que quiera puede irse a llorar, y al que quiera puede darle igual. Estoy hablando a quien pueda interesar" Silvio Rodríguez
Carlos Ferreiro
Carlos Ferreiro

TALLADAS EN TEMPOS DE CRISE

sábado, 13 de febreiro de 2010

Todos entendemos de economía, ou iso parece. Escóitase falar de fluxos de tesourería e de pasivo diferido coa mesma facilidade coa que o mecánico me comenta que teño un problema coa buté e a maza do embrague e a un, humildemente, formúlaselle a mesma pregunta nos dous casos: será grave?
Os que son economistas falan; os que non tamén. O que dispón de titulación que acredite repíteo monotonamente igual que a bióloga Ana Obregón, pero todos, moi duchos e moi doutos na materia, móstranse extremadamente torpes nas destrezas comunicativas. Aínda así, o que se lles supón a todos, como a valentía no exército, é a prudencia nas declaracións.
Prudencia e responsabilidade para devolver, sen enganos, a confianza aos mercados (os cidadáns tamén somos ese mercado). O que resulta irrefutable é que a situación económica que nos ocupa ten moito de crise de confianza. E nisto da confianza, o quinto poder, o que tan ben retratou Ramonet en Le Monde Diplomatique, tamén ten a súa parte de responsabilidade.
Nesta liña, esta mesma semana puidemos ler de todo. Dende un descrédito directo á imaxe de España nos mercados financeiros internacionais a cargo do Financial Times -periódico de cabeceira dos especuladores que non perden nesta crise- ata un engurrado Adolfo Domínguez lembrándonos que ademais da arruga, o despedimento libre tamén “es bello”.
Entremedias, o legado de Álvaro Gil e con el, as presuntas intencións duns herdeiros en tempos de crise. Pero nisto, outra vez máis, a Deputación, nas figuras do presidente e o vicepresidente, dando leccións a propios e estraños do que é o traballo en sincronía e lealdade.