"... el que quiera puede ya sonreír, el que quiera puede irse a llorar, y al que quiera puede darle igual. Estoy hablando a quien pueda interesar" Silvio Rodríguez
Carlos Ferreiro
Carlos Ferreiro

Sen insinuacións

sábado, 17 de abril de 2010

Sen insinuacións, a semana pasada os alcaldes queixábanse do abandono dos albergues e o mal estado do camiño de Santiago na provincia de Lugo. Esta semana, con descaro, Feijoo atreveuse a predicar sobre o trigo que nos nega. Deuse un paseíño por un tramo do Camiño Francés en Lugo cun estraño atavío: un pano vermello anoado ao colo. E a min que me soa ter visto isto do pano vermello nalgún outro lado… 7 de Xullo.... Pamplona... o chupinazo... os San Fermines! Quieto parado: isto non será un plaxio? Quizais foi outro erro do tradutor automático. E que vistos así non se sabía se ían para Pamplona ou cara Santiago.

E o camiño? Pois o camiño está feito un cristo. Así. Non é que o diga eu, é que se ve nas fotos, é que llelo berran os peregrinos a Feijoo e que como non o melloren, calquera día temos aquí a Sebastián Álvaro gravando un capítulo de al filo de lo imposible.

Sen insinuacións, cando algo é obvio non necesita ser explicado. O Plan Impulsa Lugo era algo obvio pero agora, agora que a Xunta tense apropiado del, pois agora pasa o que pasa: que hai que explicalo. A encargada de facelo é, como non, a Delegada da Xunta en Lugo. Léoo na prensa, na do martes: hai 40 proxectos, que custarán 45 millóns de euros e crearán... 50 postos de traballo? 45 millóns... 50 postos de traballo... isto sae un pouquiño caro, non? Tendo en conta que o pasado ano máis de 3000 persoas da provincia perderon os seus empregos pois que queren que lles diga. Vostedes mesmos. Isto é o que ten obsesionarse coa táctica e esquecerse dos resultados. É evidente: as aspiracións do PP son incompatibles coa Provincia de Lugo.