"... el que quiera puede ya sonreír, el que quiera puede irse a llorar, y al que quiera puede darle igual. Estoy hablando a quien pueda interesar" Silvio Rodríguez
Carlos Ferreiro
Carlos Ferreiro

ESPECULADORES POLÍTICOS

venres, 28 de maio de 2010

Que alguén se desmarque, con lealdade á súa xente, por riba de disciplinas de partido é bo síntoma. Fíxoo o alcalde socialista de Lugo. Non lle gustou a idea do goberno central de frear o crédito dos concellos e así o dixo. Quedou claro, outra vez máis, que o primeiro é Lugo. Unha magoa que outros non queiran facer o mesmo con temas como, por exemplo, o sanatorio da Praza do Ferrol. Ese que a Xunta quere levar lonxe do centro. Con todo, esvaer a actualidade local coa que está a caer é bastante tentador.

Especulador. Así, soíña, a palabra non é moi agraciada e soa máis a palabro que a outra cousa. É máis, foneticamente soa francamente mal e préstase a asociacións de ideas un tanto escatolóxicas. Ata aquí, recoñezo que a reflexión é certamente pueril. Non obstante, empezo a preocuparme cando descubro que entre os sinónimos de especulador aparecen estafador, usureiro, acaparador, oportunista... Recoñezo, nótaseme, que xa lle tiña ganas á palabra. De tanto escoitala, lela e asociala á orixe deste tsunami económico que percorre e sacode a vella Europa e todo o mundo, estou desexoso, como a maioría, de poñerlle ollos, nariz, boca, nome e apelidos.

E así, lentamente, ímonos decatando de que os especuladores financeiros rivalizan fronte ao poder político coa axuda do descrédito intencionado de calquera trazo de representación cidadá. Os políticos escóllense en furna, os especuladores financeiros non. Esta é a lexitimidade do sistema.

É o momento da política. Da política con maiúsculas, da valente, a das decisións, non da especuladora que tenta sacar tallada. Político e especulador, perigosa mezcla.