"... el que quiera puede ya sonreír, el que quiera puede irse a llorar, y al que quiera puede darle igual. Estoy hablando a quien pueda interesar" Silvio Rodríguez
Carlos Ferreiro
Carlos Ferreiro

MILLEIROS DE PERSOAS

sábado, 22 de maio de 2010

Escoitar ou ler nos medios o que a un lle gustaría faise tarefa complicada pero aínda así, seguímolo intentando. Agarro a prensa, achégome á mesa, sento -como non- e pido o de sempre: un cortado. Xusto ao lado, como todas as tardes, “os catro fantásticos” e ese agradable pestazo a faria. Miro de esguello a escena e non descubro nada novo: unha barralla cuarteada, un tapete verde medio roído e dúas banquetas como improvisadas mesiñas auxiliares para as bebidas. Todo con moito “solera”. A escusa? Non faría falta pero é a de sempre: Un tute subastado.

Os catro amigos van cantando números é eu deixo de prestarlles a atención que merecen. Aínda así, soan igualiño que o cómputo de asistentes a unha manifestación. A de Monforte, por exemplo: que si vinte mil, que si dez mil… deixémolo en quince. Quince mil é un bo número e máis nunha vila de vinte mil habitantes. Mesmo da para unha voda dos Aznar no Escorial.

Milleiros de persoas que saen á rúa. Civilizadamente cabreados pero cabreados ao fin. Por que? Pois porque se están quedando sen sanidade pública. Porque teñen un hospital, si, pero con cada vez menos contido e os edificios baleiros, xa se sabe, non valen para moito. Como baleiro quedará tamén -aínda máis- o ambulatorio da Praza do Ferrol. Pero o Partido Popular en Lugo -cada vez menos de Lugo- segue disposto a encaixar o desgaste antes que o sacrilexio de pronunciar unha nota disonante ao discurso da turolense Pilar Farjas. Poden máis os intereses do partido que os intereses de todos os lucenses, aínda que sexan contrapostos, que o son e cada vez máis.