sábado, 15 de maio de 2010
365 días dan para moita celebración; tamén para lamentos. O vindeiro luns tócalle á Lingua Galega. A lingua que entre o debate de dereitos, liberdades e obrigas, Feijoo vai camiño de converter nun “algo” exótico. Todo por un puñado de votos e co patrocinio de que, coa que está caendo, a xente votou por mor da lingua. Xa!
O pasado mércores o galego correu ceibe polas rúas de Lugo. Non correu a galiña azul, non; os pitos non fan esas cousas -por moi “despolitizados y desideologizados” que sexan. Correu con corpo de neno e co mesmo ímpeto co que seguen a cabalgar os versos de Novoneyra pola serra do Courel. As mesmas montañas que o viron nacer e que vinte tres anos despois trouxeron ao poeta dunha morte segura para que as debuxase coa súa pluma. O trobador cumpriu e hoxe, as montañas do Courel teñen un poeta de seu.
O día da Lingua Galega xa ten a súa propia historia dende que comezou a súa andaina alá polo sesenta e tres. Corenta e oito anos -que se di pronto. Sen caer en localismos -tentador e tendencioso- tampouco hai quen negue que Lugo xa leva escrita a súa propia historia nesta listado de insignes: Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Ramón Piñeiro, Noriega Varela… este ano Novoneyra e calquera outro Fiz Vergara Vilariño ou Manuel María. Case nada.
Agora que as Caixas Galegas xa están domesticadas a golpe de codirectores, copresidentes. Agora que os populares perderon calquera indicio daquel galeguismo que o de Vilalba se esforzara en esbozar. Agora, so nos queda traballar porque a lingua, o galego, volva deste exilio forzado sabendo que Galicia segue a ser a súa terra, a pesar do PP.