sábado, 5 de xuño de 2010
A tendencia natural do ser humano é vivir nun continuo escoller e... nesas andamos. Agora tocan as municipais e o procedemento é, aparentemente, máis sinxelo que o mecanismo dun chupete: os partidos escollen aos seus candidatos, os veciños aos concelleiros e os concelleiros aos alcaldes. Logo, como todo, a cousa ten o seu aquel, pero en principio é tal que así.
Comeza a andaina das eleccións nos concellos. Para algúns será unha exclusiva loita polo poder, polo máis excluinte dos personalismos máis ególatras. Sen o menor sentido de utilidade pública e exclusivamente como unha promoción profesional. Con disimulo, claro, pero así. Para outros, a defensa dun proxecto, dunhas ideas, dun xeito de entender á súa xente, ao seu pobo ou a súa cidade. Quedo con esta segunda; a primeira non me achega nada.
En calquera caso, os primeiros aires que chegan do percorrido que terá esta campaña cheiran bastante mal e soan a unha reedición do vivido en marzo de 2009. Ou peor.
Coas primeiras novas que se van publicando por segundo quen, voltan a zumegar aqueles “hilillos” do Prestige pero, neste caso, coa promesa dun fedor idéntico ao das pasadas eleccións galegas. A ameaza de emporcarlo todo é a mesma. Unhas eleccións, as autonómicas, onde o superfluo eclipsou ás ideas. Onde se falou de falsos maltratadores, de iates, de coches oficiais, de despachos... de todo, menos do realmente importante. Con isto, a política galega transformouse nunha burla desproporcionada cunha visión limitada, intencionadamente limitante e carente de calquera uso para a solución dos problemas reais da xente. Así nos vai.