sábado, 12 de xuño de 2010
Negar o evidente é un engano. O evidente é que a folga do pasado martes foi un auténtico desastre. Podémolo edulcorar pero… Un fracaso que sinala ás organizacións sindicais pero que nos toca a todos, porque todos perdemos.
Pretender confundir a parte polo todo ten o seu valor, en literatura. Só na literatura. É certo que hai funcionarios caraduras e sindicalistas incompetentes, é certo. É certo que hai políticos aproveitados, xuíces interesados e xornais intencionadamente parciais, é certo. E? Ao final só nos queda a apatía, a desafección e os cabreos verbalizados á hora das cañas. Eu, min, me, comigo e... "que se mueran los feos" -a de Boris Vian.
Neste reducionismo, minimalista e grotesco no que se move a concepción do sistema, certas ideas vanse asentando como perigosos axiomas. Un mundo de mentiras transformadas en doutrina onde os funcionarios son todos uns vagos privilexiados, os sindicatos uns vendidos, os políticos uns oportunistas, os xuíces uns prevaricadores, os medios uns proselitistas... Ao final, que nos queda? Goebels entendeuno á primeira. É aquí onde perdemos todos e gañan os que cuestionan a lexitimidade do sistema aproveitándose dos que, irresponsablemente, esborranchan estratexias político-electorales co desprestixio dun pais.
Nunha Europa globalizada, con medidas de axustes comúns, unha folga aquí e outra alá faise dificilmente entendible e non fai máis que acrecentar aquilo de “Divide et vinces”. Somo europeos. Para todo. E cando antes se entenda, mellor. O que non é unha escusa para que cada un faga os seus deberes. Tamén os gobernos autonómicos.