"... el que quiera puede ya sonreír, el que quiera puede irse a llorar, y al que quiera puede darle igual. Estoy hablando a quien pueda interesar" Silvio Rodríguez
Carlos Ferreiro
Carlos Ferreiro

UNHA DE ROMANOS

sábado, 26 de xuño de 2010

Como nas mellores superproducións americanas Lugo encheuse de romanos. Miles de figurantes que se votaron á rúa para tomar Lugo caracterizados como mellor lles pareceu. Iso si, en xeral, moito patricio e pouco plebeo. Moita burguesía romana e pouco “currito”. Aí queda o dato. Vostedes saquen as conclusións aínda que, podendo escoller… quen querería ser “currito”?
E dos “milicos”? Que me din dos “milicos”? Cada ano hai máis e como sigan así calquera día se crecen, dan un golpe de estado, secuestran ao alcalde e quedan coa cidade. Cando era obrigado e había que facer a “mili”, calquera escusa era boa para intentar librar pero claro, cun uniforme así… Unha confidencia: as saias son ben frescas. A ver se Amancio se anima e as pon de moda.
As ganas de festa solaparon o rigor histórico e entre celtas, suevos, romanos e algún vikingo despistado votouse en falta algún fariseo. E digo eu que aquí, de fariseo, daba ben Rodríguez Miranda: O golfiño político ourensán que tivo que devolver doce mil euros en dietas porque alguén lle descubriu o pastel e que agora, nos ratos libres, da leccións de honradez e confunde o seu traballo de deputado autonómico co do tenente Colombo.
A falta dun Neron que queimase Roma, no rebumbio tamén apareceu un irreverente Jesucristo polas costas do parque, que de ser o real, ben lle podería ter lembrado a Toñito de Allariz aquilo da parábola do fariseo e o publicano : “todo o que se enxalza será humillado e o que é humillado será enxalzado” -Lucas 18,9-14. A Biblia é un libro máis que recomendado. Como a interpretan algúns xa é outra cousa. Como a política.