mércores, 30 de decembro de 2009
Quero aproveitar a oportunidade que me brinda este espazo para felicitarvos as festas e desexarvos un venturoso 2010.
O Concello de Lugo ven de aprobar uns orzamentos austeros, responsables, sociais, investidores, rigorosos e realistas. O orzamento consolidado para 2010 superará os 92 millóns de euros que, sumados aos investimentos do Plan Zapatero, sitúan ao Concello de Lugo nun orzamento superior ao dos últimos anos.
Este foi o noso agasallo de Nadal, tanto para o Equipo de Goberno como para todos os cidadáns de Lugo. Unhas contas que permitirán que Lugo siga investindo en obras, en melloras para a cidade e, o que é máis importante, en persoas.
Os orzamentos para 2010 nacen do esforzo e do traballo dun Goberno centrado en que ningún cidadán quede desasistido, por iso redobramos o esforzo en gasto social situándonos como o Concello de España que máis inviste nesta materia.
Como desexos para o ano próximo quero referirme especialmente ao inicio das obras o Auditorio, a apertura do novo hospital, os traballos de construcción da nova ponte, todas elas actuacións encamiñadas a conseguir o Lugo do futuro, unha cidade que sairá airosa da crise, medrará, se modernizará e competirá ao mesmo nivel doutras cidades do mesmo tamaño.
O Plan de Mobilidade que vimos de presentar traerá consigo unha cidade máis saudable e sustentable, un espazo no que os cidadáns recuperen protagonismo para o seu ocio, o seu lecer, o esparcemento.
Temos que recordar, ademais, que o 2010 será o ano da Muralla en tanto en canto se conmemora o seu 10º aniversario desde que foi elixida Patrimonio Mundial, polo que queremos que Lugo sexa coñecido máis alá das nosas fronterias. Así mesmo, queremos que todos e cada un dos lucenses disfruten dos actos que conmemorarán esta data, implicándose coa cidade e compartindo o noso tesouro patrimonial máis emblemático.
Así, espero que todos sigamos colaborando e facendo cidade, ao tempo que vos desexo unhas boas festas.