luns, 22 de marzo de 2010
A disciplina e o cumprimento das propostas que se votan nun congreso, e máis cando un votou nese sentido, obrigan a tomar determinacións que aínda sendo costosas desde o punto de vista persoal, hai que asumilas como parte da vida política que cada un de nós de xeito libre e voluntario ten tomado.
Refírome a que no último congreso que celebrou o noso Partido en Pontevedra, hai case un ano, tomouse o acordo de que cada persoa desenvolva un cargo institucional e nada máis que un. Pareceume e paréceme ben porque se a entrega a estes cargos é intensa teremos máis posibilidades de facer mellor o noso traballo e ademais haberá máis posibilidades para que moitas máis persoas poidan desenvolver ese labor de servizo que é a vida política, na que o Partido só é un medio para contribuír ao ben común a partir de unha determinada ideoloxía.
No caso do Concello de Lugo a resolución aféctalle á Concelleira de Cultura e Turismo, que ao mesmo tempo é Parlamentaria en Santiago. Sinto a súa marcha porque foron case oito anos de traballo en común por unha causa común: os cidadáns de Lugo. Oito anos de traballo intenso no que a súa impronta, plasmada no Programa que votaron os lucenses, quedou marcada, tanto no que se refire á Cultura como ao Turismo. Tamén me alegro que o Concello de Lugo se convertera nun lugar de formación de políticos de raza que hoxe están noutras esferas da administración.
Podería caer na tentación de facer unha recompilación do todo o traballo feito e dos logros acadados. Non o vou facer por simple pudor, xa que os Gobernos debemos ser xulgados por ese xuíz inapelable que é o pobo. Este será quen de comprender e entender o que se fixo e de outorgar ou non de novo a súa confianza. Segue o equipo tan cohesionado e forte como sempre e no que cada un de nós realizamos as tarefas que temos encomendadas con dedicación e paixón.
Pero Coti non se vai de todo, xa que sigue a ser Parlamentaria e o que a moveu e a move a traballar a cotío sigue en pé: os cidadáns de Lugo no conxunto desta Galicia que pasa por uns momentos de dificultade e que necesita do traballo de todos para saír adiante. Non vai faltarlle o traballo e a dedicación de Coti Burgo.
Pero a vida continúa. E se é verdade que todos somos necesarios, tamén o é que ninguén é imprescindible e por iso doulle a benvida á substituta de Coti, Nuria Mundiña. Non é casualidade que unha muller substitúa a outra porque a nosa lista superaba con creces as esixencias da Lei, xa que desde hai moito tempo cremos na igualdade e sabemos do papel que a muller debe desempeñar na sociedade. Nuria ten a nosa confianza e tampouco vai faltarlle o apoio do conxunto de grupo, que, ante todo é, traballo en equipo.