Lanzo este blog, este novo “caderno de bitácora”, como unha oportunidade máis para compartir proxectos e pensamentos con todos os internautas que así o desexedes. Un foro para expresarse e reflexionar sobre temas de actualidade e interese público. Unha viaxe conxunta e sen máis límite que o respecto.
José López Orozco
José López Orozco

CRÓNICA DUN AUDITORIO ANUNCIADO

domingo, 6 de xuño de 2010

Sempre digo que “auga pasada non move muíño”, pero que a historia é preciso coñecela. Por iso, estou contento co proxecto do Auditorio que nos presentou o luns pasado o Sr. Conselleiro de Política Territorial e máis co compromiso que ía contratar as obras de inmediato. Aínda así paréceme que debo facer historia desa “longa noite de pedra” que espero conclúa en breve.

En xullo do 1999 tomei posesión como Alcalde e con respecto ao Auditorio había un concurso de ideas feito e adxudicado e un convenio coa Xunta polo que poñía cinco centos millóns das antigas pesetas para comprar un espacio para o auditorio (o cuartel de San Fernando) e para facer unha nova sede para a Delegación de Defensa e novecentos millóns das antigas pesetas para facer o auditorio. Xa se tiñan gastados dous millóns no concurso de ideas que serviría de base para o proxecto.

A primeira xestión, fácil, foi comprar un solar do IGVS na Avda. de Madrid para edificar alí a Delegación de Defensa, cousa que se tiña falado co Ministerio.

Postos en contacto co Ministerio de Defensa, todo foron evasivas: que se requirían estas especificacións para a nova sede e o pouco tempo outras; que se tiña que estar aquí -máis no centro- ou acolá; que se tiña que ter unhas especificacións determinadas por motivos de seguridade, etc. etc.Fíxense o número de visitas ao Ministerio e de horas en negociacións e sempre aparecían cousas novas, que talmente parecía que había alguén que desfacía a distancia o que ía deixando feito e negociado.

De tal xeito eran as necesidades que negociei coa empresa CIMPOR a compra do que fora o antigo Sanatorio da Milagrosa: céntrico, con seguridade e con todas as posibilidades urbanísticas. Despois de moito insistir viñeron velo e...era demasiado grande.E volta a empezar.

No ano 2004 o Goberno Central cambia en Madrid e en xullo pecho o acordo de compra do cuartel de San Fernando por cinco centos millóns das antigas pesetas e que a sede da Delegación de Defensa correría por parte deles; en decembro asinouse o correspondente convenio.

En Agosto de 2004 quen era Conselleiro de Política Territorial e hoxe Presidente da Xunta veu presentar no Concello, nun acto público, o anteproxecto, sen que ninguén dixera nada negativo sobre o mesmo. Eu si, gustoume. Parece que desde marzo de 2005 estaba o proxecto en Santiago cousa que me foi comunicada en setembro dese mesmo ano, unha vez celebradas as eleccións Autonómicas, pola nova Conselleira de Política Territorial, que ademais de comprometerse a licitar a obra, comprometeuse nun novo convenio a aumentar a cantidade destinada a facer a obra. No ano 2006 licitouse e en abril de 2007, o día que se ía adxudicar, sen que ninguén soubera nada de nada, aparece un informe de Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que bota por terra o proxecto do auditorio e tantas en tantas xestións.

E volta a empezar. Novo convenio co Goberno do Presidente Touriño; nova localización; novo concurso de ideas e novo proxecto na Acea de Olga. Máis custo que asume a Xunta. Agora vai de verdade.

Polo medio quedan nomes. A que os poñen vostedes?. Outros tamén axudaron.


Enviar comentario