Disque unha vida gaña en riqueza ao tempo que gaña en experiencias… E este blog é para min pouco menos que un tesouro, o nexo de unión e o foro no que compartir impresións con todos os que así o queirades.
Sonia Méndez
Sonia Méndez

Unha cidade para vivir

venres, 18 de decembro de 2009

Algúns medios de comunicación resaltaban estes días que comezaba unha semana que marcaría un antes e un despois para a cidade de Lugo. Creo que a aseveración, lonxe de ser esaxerada, responde de xeito fiel á decisión que ven de tomar o Equipo de Goberno presidido por José López Orozco.

Desde o Concello de Lugo decidimos apostar con forza e sen titubeos por un novo modelo de cidade. Por este motivo vimos de presentar o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo. Un modelo que permitirá que Lugo gañe terreo para o espazo público, para o ocio, para o paseo. E un espazo público que se configuirará como un novo espazo no que a calidade do mesmo, a sustentabilidade medioambiental e a habitabilidade sexan as liñas mestras.

Trátase dun plan extremadamente ambicioso a desenvolver de xeito paulatino, gradual. E o que é máis importante, un plan que se irá implantando a través do consenso, da negociación que permita acadar as mellores solucións para unha cidade que mira ao futuro co desexo do progreso, da competitivade, da eficacia e a eficiencia en materia de mobilidade.

Entre as melloras importantes que inclúe podemos citar varias: preténdese reducir o número de viaxes en vehículo privado en beneficio do transporte público, a bicicleta e os desprazamento a pé. Esta medida é sumamente relevante, posto que reducirá a contaminación da cidade e permitirá gañar espazo para o desenvolvemento do peón.

O plan tende á creación dun espazo público de gran calidade, con menos ruído, sen tanta contaminación, máis seguro e atractivo e que potencie de xeito claro o contacto e a convivencia entre persoas.

En relación co autobús urbano aumentará a frecuencia das liñas que pasarán cada 10 minutos, e organizarase o transporte facéndoo máis atractivo para os cidadáns. Así mesmo, aumentarán os km de carril bici ata os 47,4, o que supón 42,8 máis do que existen na actualidade. Entre as medidas de impacto atópase ademais a duplicación da cantidade de espazo público para as persoas con mobilidade reducida.

Como poden entrever trátase dun plan integral, profundamente renovador do espazo público no que o protagonismo reside no cidadán e na capacidade destes para adaptarse e apoiar un novo modelo de cidade. Un liderado que asumirá o Equipo de Goberno para lograr, entre todos, que Lugo sexa un exemplo de cidade.