mércores, 13 de xaneiro de 2010
En 2006 a Xunta de Galicia asinaba o Pacto Local cos Concellos galegos. O documento representaba, entre outras medidas, unha esperanza para os Gobernos Locais porque trataba de rematar cos desequilibrios existentes en relación cos pagos por prestacións impropias que os Concellos viñan asumindo.
Coa chegada ao Goberno do señor Feijóo o Pacto Local sufriu un estacionamento, paralizaouse o seu desenvolvemento, a súa implantación, todas as accións que o texto recolle.
O Concello de Lugo deu hoxe o visto bo a varios dos proxectos que este ano se realizarán con cargo ao Plan Zapatero, entre eles, un investimento de dous millóns de euros para gasto social. Tamén se aprobou a dotación de equipamento do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e o vallado do Parque de Rosalía de Castro conforme ao Plan Director.
A contía destinada a gasto social permitirá ter novas prazas nos centros de día, incrementar a axuda no fogar do transeúnte, aumentar as actividades deportivas, extra-escolares e de tempo de ocio da cidadanía, manter os servizos que ofrece a casa das linguas ou as ociotecas, entre outras accións.
O Concello de Lugo considera todas estas accións un investimento en persoas, en educación, unha actuación básica para que a cidade medre e se modernice.
A maiores, de xeito anual vimos pagando preto de 700.000 euros derivados da limpeza dos centros educativos. Un aspecto que, tal e como recollía o Pacto Local, pasaría a asumir as arcas públicas do Goberno Galego.
Como non está sendo así e tendo en conta o momento que vivimos os Concellos, consideramos de suma importancia a volta ao Pacto Local, ao seu cumprimento. Os concellos non poden seguir pagando gastos que non lle corresponden, sen ningún tipo de axuda por parte da Xunta.
O Concello de Lugo, no marco da FEGAMP, proporá que se retomen as negociacións para que, se ben a Xunta non decide crear un PlanE propio que sirva para aliviar aos Concellos en époocas de crise como a actual, sí cumpran cos acordos asinados.
Somos conscientes da importancia que as administracións con máis recursos teñen en relación cos Concellos, polo que saudamos, un ano máis, o compromiso do Goberno do Estado cos proxectos e o futuro dos municipios e esperamos que a Xunta se sume a esta liña a través do Pacto Local ou aqueles mecanismos que considere acertados.