venres, 7 de maio de 2010
O 9 de maio celébrase o Día de Europa. As cidades españolas teñen moito que conmemorar nesta data, xa que o seu progreso veu en boa parte da man dos fondos comunitarios, e de gobernos locais que os souberon xestionar. O Concello de Lugo celebra cada 9 de maio a integración en Europa porque a captación e xestión que desde fai dez anos levou a cabo está a dar os seus froitos.
Desque Orozco goberna, o departamento de Desenvolvemento local do Concello non deixou pasar unha soa convocatoria de fondos, presentámonos a todas, gañamos moitas e hoxe exportamos a nosa experiencia nun país exemplar en políticas de emprego e benestar, en Suecia. A pesares de que os gobernos anteriores non levaran a cabo ningunha iniciativa neste ámbito, o goberno de Orozco conseguiu en poucos anos convertir a Lugo nun referente en políticas de emprego, por exemplo co recoñecemento da Unión Europea ao programa Lugo abrindo camiños.
Nestes tempos de aumento do paro, o Concello foi quen de conseguir preto de 2 millóns do Fondo Social Europeo para un programa de inserción laboral, Lugo emprego activo, no que participan 300 desempregados, percibindo unha beca mentras reciben formación con prácticas en empresas.
Os fondos europeos financian tamén o persoal e as instalacións do Espazo Lab, o centro integral de emprego municipal, no que atendemos a máis de mil persoas que buscan orientación laboral e consello para mellorar a súa empregabilidade.
Nestes tempos de dificultades para o pequeno comercio, o Concello tamén acadou máis de 8 millóns do Plan Urban, para a dinamización económica do centro histórico e o impulso ao turismo. Non todas as cidades accederon a estes fondos, só as que presentaron bos proxectos e contaban con experiencia recoñecida na xestión de fondos. Este é o caso de Lugo; a combinación do traballo técnico e da decisión política permítenos esta financiación extraordinaria en tempos de crise. Cincuenta establecementos beneficiáronse xa das axudas económicas no ano 2009 e estamos a traballar nos proxectos de rehabilitación do vello cárcere, da praza de San Marcos, da praza do Cantiño, da piscina romana de Santa María e a punto de comezar a instalación de información en tempo real nos buses. Medidas todas elas que contribuirán a facer máis atractivo o centro.
Por eso este domingo 9 de maio celebramos o Día de Europa e convidamos a todos os lucenses a participar desta conmemoración. Porque paseando pola nosa cidade cada vez se respira máis Europa.